Aínda que a vella Esperanza xa non exista, estivo con nós varios anos. A súa última navegación foi no Encontro da Illa da Arousa en xullo do 2003, onde compartíu mar e vento coa súa primeira copia, a Esperanza - Libertade. A Esperanza e o seu Patrón, Francisco Outeiral Sieira ( Francisco dos Pinales) son a cerna e icona que representa a nosa Asociación. As medidas que se lle tomaron no 2002 para realizar os planos de novas construcións foron; Eslora 4,590m., manga 1,662m., puntal 0,498m. e o arqueo bruto (GT) 0,461Tm. Fora construida polo carpinteiro de ribeira Pepito Places no ano 1948 no Cabo da Cruz. Usa unha vela Mística
A Esperanza é a memoria das Gamelas do Cabo da Cruz que permanece no pobo, reflectida cunha construción en pedra colocada no porto na cal hai un poema que amosa as arelas de libertade que a Esperanza representou:
Quería ser Libertade, ao nacer
quería navegar en mares ceibes
na longa noite de pedra
Non puido ser.
Navegando na bonanza do mar da memoria
co vento libre na vela
Foi a Esperanza
dun futuro de liberdade