PROXECTO GAMELA
O proxecto é unha serie documental de vídeos coa xente que vivíu o Cabo da Cruz de mediados do século pasado. Así podemos recoller as vivencias de todo o que pasaron e como o pasaron. Sobre todo as mulleres, que cumpriron tradicionalmente un papel fundamental no desenvolvemento das comunidades costeiras, e ademais foron as que realizaron determinados oficios do sector pesqueiro como o marisqueo a pé ou a confección e reparación de redes, entre outros. A pesar disto, estas mulleres non foron protagonistas na súa época, senón que estiveron sempre no anonimato nun mundo maioritariamente rexido e gobernado polo home. Cumpre recoller de xeito documental e audiovisual o testemuño e a memoria das mulleres que viviron ese tempo; das avoas que aínda viven e que atesouran nas súas lembranzas a realidade dunha época pasada chea de dificultades para unha muller nun mundo, o do mar, moi duro e onde o home era o que tomaba as decisións.
O xeito de vida, a educación, os diferentes traballos, o campo, os barcos, as cantidades que se pescaban e o que se pescaba, a represión, as festas ... todo o que nos poidan contar é interesante para manter viva a historia e que a xente máis nova coñeza de primeira man o que ocorría non fai moitos anos.